Benvid@s a tódolos nenos e nenas ó noso blog adicado ó conto musical Pedro e o Lobo de Sergei Prokofiev.


Queremos contaxiarvos a nosa ilusión neste concerto didáctico e compartir con vos a marabillosa música que Prokofiev compuxo para tódolos nenos e nenas.





lunes, 26 de abril de 2010

QUERES LER E ESCOITAR O CONTO DE PEDRO E O LOBO?



Ti tamén podes ser o narrador ou narradora de Pedro e o Lobo grazas á colección de contos musicais de La mota de polvo.

É un disco-libro onde podes escoitar o conto musical mentres les o texto e miras as fantásticas ilustracións. No disco hai unha parte gravada só coa orquestra; é dicir, sen narrador. Así ti podes narrar o conto lendo este libro e seleccionas a música atendendo á historia de Pedro.





Nesta mesma colección de La mota de polvo hai outro disco-libro adicado á música de Prokofiev: Romeo y Julieta.

Podes disfrutar do libro do mesmo xeito que o de Pedro e o lobo: escoitando a música con narración, ou sendo ti mesm@ o que le a historia mentres escoitas a música que Prokofiev compuxera para o ballet. Neste blog tes un vídeo adicado a este ballet de Romeo e Xulieta.

Ademáis descubrirás datos sobre Prokofiev. Sabías o alcume de Prokofiev cando era estudiante de piano? Chamábanlle o pequeno leñador pola súa maneira potente, e ás veces brusca, de tocar o piano.

QUERES ESCOITAR PEDRO E O LOBO?

Se queres escoitar Pedro e o lobo en versión orquestral, existen varias versións narradas en castelán. Escribimos a continuación a referencia:

Pedro y el lobo. Un cuento musical para niños. Op. 67. Narrado por Juan Pulido. Guía de audición de Fernando Palacios. Orquesta Nacional de Francia dirixida por Lorin Maazel. Deutsche Grammophon, agosto 2000.




Pedro y el lobo.
Narrado por Leonor Watling. Ensemble Orquestra de Cadaqués dirixida por Vasily Petrenko. TRITÓ Edicións, novembro 2008







Sergei Prokofiev. Narrado por Iñaki Gabilondo. Russian Season Orchestra dirixida por Andrey Chistiakov. Harmonia Mundi, 1997.

martes, 20 de abril de 2010

BERNSTEIN E OS CONCERTOS PARA MOZ@S

O 28 de febreiro do ano 1959 a Orquestra Filarmónica de Nova York, dirixida por Leonard Bernstein, interpretaba un concerto titulado O humor na música. Baixo ese título, ofrecían ós nenos e nenas distintos fragmentos musicais. Este concerto era seguido por moitos espectadores dende as súas casas, xa que era emitido pola televisión.

Moitos dos lectores e lectoras do noso blog non naceran,...e nós, tampouco...Menos mal que podemos velos a día de hoxe, porque sempre pagará a pena atender ás leccións do gran mestre Bernstein.

Nesta selección de vídeos, Bernstein explica algúns movementos da sinfonía nº 1 (obra para orquestra con varias partes) de Sergei Prokofiev.



domingo, 18 de abril de 2010

GRAZAS ÓS COMPAÑEIR@S

Aínda que este agradecemento vai o último, non é por iso menos importante. Os nosos compañeiros e compañeiras do Conservatorio Xan Viaño de Ferrol apoiáronnos neste proxecto e quixeron asistir ó noso último concerto: moitos deles acompañd@s duns invitados moi especiais, os seu fillos e fillas, sobriños e sobriñas,...
Grazas a Iago e Alma, a Álvaro e Andrés, a Uxía, Mariña e Iria H., a Mario e Iria R., a Tomás, Santi, Candela e Jorge M., a Diego, Estela e Loli, a Manuel, David, Laura e Lorenzo, a Iago e Loreto, a Bea, Begoña e Marcos, a Diego e Miguel, a Leire, Paulo, Tiago e Paulo...a André, Carlos L., Genaro, Óscar, Teresa S., Aurora, Crisanto...
E máis agradecementos polo seu esforzo a Clara, Miguel, Manolo, Paco, Marcos e, especialmente a Yáñez.
Para todos vos, esta selección:










GRAZAS ÓS ALUMN@S DO CMUS XAN VIAÑO

Neste último concerto asistiron moitos alumn@s do noso Conservatorio: coñecían ben os temas dos personaxes e así podían disfrutar completamente do conto musical: que satisfacción para eles e para os profesores e profesoras!. Compartimos xunt@s a mesma ilusión.
Andrea, Lucía, Carla, Carla M., Pablo,...entre outros moitos alumn@s que quizais non puidemos saudar. Mais, temos que adicar un agradecemento especial ós alumn@s que dende primeira hora fixeron cola para coller entrada e poder ver dende a primeira fila todo o espectáculo. Catuxa,a presentadora do concerto e profesora de 1º G.E. de Linguaxe Musical, comunicábase con algunhas alumnas súas visualmente: "o tema de Pedro",e cunha expresión alegre, os seus ollos respostaban:"...Claro que o coñecemos!. Ese e tódolos temas". Lidia, profesora de piano, e Iván, profesor de gaita, tamén tiñan a algunhas alumnas entre o público.Que emoción para Catuxa, Lidia e Iván ver ós seus alumnos e alumnas disfrutando coa música de Prokofiev.
Así que, queremos dalas grazas por compartir con nós este último concerto a Lucas, Laura C. Laura G., Cristina, Santi, Lucía, Rita, Carmen, Inés, Fran, Álvaro, Icía, Paloma, Manuel, Ana e Isabel...
Para todos @s alumn@s seleccionamos os seguintes vídeos con nenos e nenas interpretando Prokofiev:






Especial agradecemento para Federico que abandonou a súa intensa actividade, para asisir a este concerto:

GRAZAS ÓS AMIG@S E FAMILIA

Moitas grazas a tódos amigos e amigas, así como a tódolos familiares que tanto apoio nos ofrecíchedes ó longo deste bonito proxecto.
En especial queremos agradecer que asistisen ó último concerto a Mauro e Hugo, acompañados por Héctor, a Pablo e Ángeles, a Xiao, Lois e Estrela, a César e Pepa (que tiveron que ficar no recibidor, seguindo o concerto dende a televisión...), a Xan, Susana e Jaime, a Andrea e Jose Ramón e a irmá do noso narrador.
Escollimos para vos este delicioso vídeo con cancións infantís de Sergei Prokofiev

ÚLTIMO CONCERTO DE PEDRO E O LOBO NO CMUS XAN VIAÑO


Con emoción chegábamos ó último concerto: cantas horas de ensaio, probas de son, de luces,...e hoxe todo acaba. Durante esta semana o auditorio acolleu a nenos e nenas de varios colexios de Ferrol e Ferrolterra, mais o sábado era o día para que asistira todo o que quixese disfrutar co conto de Prokofiev ; e así foi: nenos de tódolas idades (dende os máis pequeniños que tiñan só un ano) ata os que van deixando atrás a súa nenez pasando a ser xa mozos e mozas...nais e pais, amig@s, familiares e compañeir@s...

Mágoa que o noso auditorio non permitise que tódolos presentes puidesen entrar; tódolos nenos e nenas participaron coa súa presencia no concerto, mais houbo quen tivo que conformarse con esperar ós máis pequenos fóra vendo na televisión do recibidor o espectáculo.

Neste concerto había nenos e nenas máis pequenos que nos anteriores; o que fixo que en ocasións fora inevitable que expresasen as súas opinións: en canto sae en pantalla a animación do pato, un neno, moi ledo de identificar o animal, non pode parar: "cuak, cuak,cuak,...". "Pero, onde está o lobo?", "que gato!"...E unha morea de comentarios froito da ilusión.

Como saberedes os lectores deste blog, probablemente @s mesm@s que estivéchedes con nós nos concertos, nesta versión de Pedro e o Lobo propuxemos un novo final. Prokofiev escribiu o conto hai case 75 anos, e nese tempo o noso ecosistema cambiou moito. En Galicia os lobos están en perigo de extinción, polo que non podíamos consentir a crueldade dos cazadores co lobo. Así que o lobo vive ceibe nun espazo natural marabilloso: as Fragas do Eume.

Por un momento, un dos nenos do público soñou con ver o lobo. Preguntaba Lan: "E se queredes ver ó lobo, sabedes onde o podedes atopar? Pois non moi lonxe de eiquí..."Ó que engadiu ese neno adentrado no conto: "no Cantón!". Para os ferrolan@s, é o Cantón de Molíns, unha zona de paseo no Centro da cidade.

O último concerto...polo momento, o último concerto.

4º CONCERTO DE PEDRO E O LOBO NO CMUS XAN VIAÑO


O venres 16 recibimos no noso auditorio ós colexios de Santiago Apóstolo, de Piñeiros e os de Conde Fenosa.

Unha vez máis comprobamos o magnetismo do tema do lobo: a tódolos nenos e nenas encántalles a melodía; aínda que algunha nena pasou algo de medo...tamén pode ser que no intre no que aparecía o lobo, o auditorio permanecía a escuras...Mais, a nosa amiga Uxía voltou o día seguinte coa súa nai e a súa irmá Mariña.

Un público ansioso por escoitar o concerto en canto entraba no auditorio; aínda non se sentaran tódolos nenos e nenas e xa berraban: "que empece xa...". Que expectación!.

Ás 12:00 chegaron os nenos e nenas dos colexios de Manuel Masdías, de Atios e de Juan de Lángara. Mentres agardaban a entrar comentaban un grupo de nenos;" hoxe imos ver O lobo e Pedro". "O lobo e Pedro?", dicíamoslles nós; "si,si...O lobo e Pedro". Efectivamente, o protagonista do conto é o lobo.

Ademáis da súa participación percutindo coas palmas e pitos, este público estivo moi metido no conto; deixando libre a súa imaxinación e vendo como voaba sobre as súas cabezas o paxariño de esquina a esquina do auditorio...

jueves, 15 de abril de 2010

3º CONCERTO DE PEDRO E O LOBO NO CMUS XAN VIAÑO



No día de hoxe chegaron ó noso Conservatorio os nenos e nenas de moitos colexios nun día no que houbo dous concertos de Pedro e o Lobo.

Os nenos e nenas de O Feal, Os Casais e Ombre foron o público do primeiro concerto; un público que disfrutou moito cos movementos graciosos do noso Pedro. E unha vez máis, gustou o tema do lobo; sen dúbida unha melodía coa forza necesaria para atrapar o interese de maiores e pequenos. Non perderon detalle de toda a narración e reflexionaban en voz alta sobre as poéticas verbas do narrador, Lan: "o lobo, con ollos larpeiros,...". E pregúntanse os nen@s: "ollos larpeirooos?"

Para os nenos do Cruceiro de Canido e de Eladia Mariño, o público do segundo concerto de hoxe, o máis chamativo foi os debuxos animados do gato...E que ten unhas cores...!Para nós foi unha delicia ver a moitos nenos e nenas tocando o seu piano invisible; imitando os acenos e movementos das nosas pianistas...e o máis fascinante: o seu palmeado seguindo perfectamente o tempo na marcha triunfal, a petición de Pedro.


Que músico non disfrutaría tocando para este público?

martes, 13 de abril de 2010

2º CONCERTO DE PEDRO E O LOBO NO CMUS XAN VIAÑO




Esta mañá continuaron os concertos didácticos de Pedro e o Lobo coa visita dos nenos e nenas de San Xoán de Filgueira e do colexio de A Gándara.
Cada concerto é unha sorpresa para tod@s. Moitos nenos e nenas veñen por vez primeira ó noso conservatorio e entran abraiad@s no auditorio...: "que auditorio!"..., "que piano máis grande"...,"mira a casa"...;"o looobooo". E unha sorpresa para tod@s nós: cada concerto levamos distintas impresións e aprendemos moito coas súas expresións, emocións, reaccións...
Estes nenos e nenas xa coñecían ben a música de Prokofiev; identificaban os temas melódicos de cada personaxe na súa presentación. Bo labor dos mestr@s.

Ademáis de ter un público marabilloso, para algúns de nós aínda foi máis especial: Serxio (o bailarín) recibiu a visita do seu fillo Martiño e de Mercedes.

Alexandra (pianista) e Catuxa (presentadora), que son irmás, estaban emocinadas pola presencia do seu pai, César Pita, mestre dos alumn@s de 1º de E.P. do colexio de San Xoán.

Tod@s quixemos amosar á nosa familia o noso espectáculo.

Sen dúbida, un Pedro e o Lobo para non esquecer...

lunes, 12 de abril de 2010

1º CONCERTO DE PEDRO E O LOBO NO CMUS XAN VIAÑO


Por fin chegou o gran día!...Esta mañá foi a estrea da nosa versión de Pedro e o Lobo. No auditorio non cabía un nen@ máis...E para todos nós foi un momento moi emocionante.

Van entrando no auditorio do conservatorio os nenos e nenas, acompañados polos seus mestres e mestras, dos colexios de Cruceiro de Canido, Unión Mugardesa e Esteiro.

O espectáculo vai a comezar...Iván crea distintos efectos coas luces...e por fin sae a escea Catuxa, a presentadora:

"Benvidos nenos e nenas, profesores e profesoras, ó auditorio do Conservatorio de Ferrol. Auditorio que nestes días convertirase nun bosque. O bosque onde xoga, corre, canta o noso amigo Pedro...".

Mentres, as pianistas agardando a súa presentación: "un gran aplauso para...Lidia". E tódolos nenos e nenas aplaudiron con entusiasmo..."un gran aplauso para...Alexandra". Máis e máis enérxicos aplausos..."O narrador que mellor conta Pedro e o Lobo...Lan". E segue aplaudindo con ilusión...Podemos comezar... E vai a presentadora e esquécese de chamar a Pedro; quen lembra que está alí co asubío da súa melodía favorita. Era Serxio, convertido esta semana en Pedro.


Desaparece do escenario Catuxa, e reina no auditorio o máis delicioso dos silencios: o instante previo ó comezo do conto musical.


"Un fermoso día, Pedro saíu da súa casa, abriu a cancela do seu xardín e dirixíuse ó verde bosque..."


Mañá continuamos o concerto...e a narración das sensacións vividas entre tódolos artistas e os nenos e nenas de Ferrolterra.

domingo, 4 de abril de 2010

PROKOFIEV: O PARRULIÑO FEO

Unha vez máis, Sergei Prokofiev inspírase nun conto popular para crear unha nova obra musical: unha ópera. O Parruliño feo é un conto do escritor danés Hans Christian Andersen.

As diferencias de cada parruliño e parruliña que somos cada ser humano, fainos a todos únicos, marabillosos e tan fermosos como o cisne do conto. Así que nenos e nenas respetémonos como parrul@s que tod@s somos.

Este obra compúxoa para mezzosoprano e orquestra no ano 1914, 22 anos antes que Pedro e o lobo.


Este vídeo correspóndense cunha deliciosa versión para mezzosoprano, piano e coro de nen@s.

PROKOFIEV: A CINCENTA

A Cincenta é un conto de fadas que ten varias versións en distintos países de Europa. Por iso, a protagonista recibe distintos nomes: Cenicienta en español, Cenerentola en italiano, Cendrillon en francés, Cinderella en inglés…

As Cincentas máis célebres son as que escribiron os grandes contadores de contos; os irmáns Grimm ou Charles Perrault. Este último titula a súa narración A Cincenta ou o pequeno zapato de cristal. Cincenta é unha moza obrigada pola súa madrastra a durmir xunto ás cinzas do lume; de ahí o seu nome. O final da historia xa a sabedes… tanto que hai unha Cincenta que non atura máis:


Prokofiev sempre estivo interesado en compoñer música para contos infatiles. Escribiu a música para un ballet no que bailase a Cincenta.


viernes, 2 de abril de 2010

PROKOFIEV: ROMEO E XULIETA

Un ano antes da creación de Pedro e o Lobo, Prokofiev compuxo a música para o ballet de Romeo e Xulieta, a gran historia de amor de William Shakespeare, que leva case 500 anos emocionándonos. Esta si que é unha historia de amor...

Romeo e Xulieta pertencen a dúas familias inimigas de Verona: os Montescos e os Capuletos. Romeo e Xulieta non poden evitar o seu amor, a pesares das prohibicións das súas respectivas familias.


Coñeceránse nunha festa no palacio da familia Capuleto. Xulieta Capuleto entra no palacio durante o baile e alí aparecerá Romeo Montesco cunha máscara; tiña que agocharse por tratarse dun Montesco. Esta é a escea que corresponde a esta Danza dos Cabaleiros do ballet de Prokofiev:



ACTUALIZACIÓN:

Agradecemos á nosa amiga Tesla o seu comentario no que suxire un vídeo de patinaxe artístico sobre xeo dos franceses Maria Anissina e Gwendal Peizerat coa que obtiveron a medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Nagano de 1998. A música é do Romeo e Xulieta de Prokofiev.

Grazas, Tesla.


PROKOFIEV: O AMOR DAS TRES LARANXAS



O amor das tres laranxas é unha ópera cunha historia escrita polo veneciano Caro Gozzi. É unha das tantas e tantas historias de príncipes e princesas con final feliz: sen dúbida, para os nenos e nenas do século XXI, estas aventuras de príncipes e princesas xa vos teñen aburridos…Ós maiores tamén nos aburren, pero a música de Prokofiev ben paga a pena.

O seu argumento trata do príncipe do país do Trébol, quen recibe o encantamento dunha fada no que sufrirá polo amor de tres laranxas. Si, si…tres laranxas!!!
O príncipe, acompañado polo seu bufón, percorrerá moitos lugares ata atopalas. Despois de vivir moitas aventuras, atopa nun deserto a dúas laranxas enooormes. O bufón do príncipe non soporta máis a súa sede e deciden partir as dúas laranxas…das que brotarán dúas fermosas princesas; elas morrerán coa sede no deserto.
Como todos e todas esperamos, e despois de superar moitas probas e feitizos, da última laranxa sairá a princesa da que se enamorará o príncipe.

Neste vídeo é o propio Sergei Prokofiev quen interpreta ó piano a Marcha da súa obra O amor das tres laranxas.



SERGEI PROKOFIEV



No ano 1891 no pobo de Sóntosovka (actualmente coñecido por Krásnoye, en Ucrania) nace Sergei Prokofiev. Este neno recibe as súas primeiras lecións de piano coa súa nai Maria Grigoryevna Prokofieva. Con 11 anos comeza a estudar composición.


Sergei Prokofiev adicarase a dar concertos de piano e a compoñer obras para piano, orquestra, óperas, ballets e música para cine.
No ano 1936 Sergei Prokofiev escribe Pedro e o Lobo, baseado nun conto popular ruso. Prokofiev asistía a moitos espectáculos teatrais cos seus fillos, e quería escribir un conto musical para nenos e nenas.

Neste vídeo escoitaredes de novo a Marcha Triunfal de Pedro e o Lobo, mais sen narración!

Saberedes imaxinar en que orde desfila cada personaxe?.



jueves, 1 de abril de 2010

O ENGADO DE PEDRO E O LOBO


Case 75 anos despois da súa creación Pedro e o Lobo segue sendo un conto que encanta ós nenos e nenas de todo o mundo…e segue sendo unha historia e unha música que engaiola ós xa non tan pequenos.

En tantos anos, xurdiron moitísimas versións diferentes; distintas instrumentacións, distintos espectáculos, milleiros de gravacións discográficas con narracións en distintos idiomas…

Queremos que vexades distintos espectáculos a partir do conto de Prokofiev:


A marcha triunfal nunha coreografía do Royal Ballet School de Londres:




Quen pensaría en Pedro feito de plastilina?





E Pedro dentro dunha caixa de música?





Existiron moitas versións de Pedro e o Lobo representadas con títeres. Eiquí un exemplo:




Curiosas interpretacións...





Esta versión pode deixarvos abraiados! A moitos nenos e nenas gústavos o beatboxing, é dicir, a percusión coa boca...Atención ó frautista!






Ata unha coñecida marca de bebidas, quixo facer a súa homenaxe a Pedro e o Lobo nun dos seus anuncios




A PELÍCULA DE SUZIE TEMPLETON


No ano 2006 a directora Suzie Templeton estrenou unha película de animación baseada no conto de Pedro e o Lobo. Non existen diálogos, mais non son necesarios coa excelente animación en perfecta harmonía coa música de Prokofiev.







PEDRO E O LOBO A CATRO MANS


Como tod@s sabemos, Pedro e o Lobo é unha obra na que cada personaxe está representado por un instrumento ou unha agrupación distinta:


O paxaro pola frauta; o pato polo oboe; o gato polo clarinete; o avó polo fagot; o lobo por tres trompas, Pedro pola orquestra de corda e os cazadores polos timbais e o bombo.



No noso concerto, a versión interpretada será nun único instrumento: o piano. Un piano do que brotarán melodías de miles de cores, sabores e formas grazas ás mans das pianistas Lidia Espido e Alexandra Pita Evia.


Eiquí deixamos un estupendo fragmento duns nenos tocando o piano a catro mans desta mesma obra.



CONCERTO PARA TOD@S

Moitos dos nenos e nenas de Ferrolterra asisteredes a este fantástico espectáculo cos vosos colexios. Para aqueles nenos e nenas, pais e nais, avós e avoas…que queirades seguir disfrutando coa historia de Pedro e o Lobo, quedades convidad@s ó concerto do sábado 17 de abril ás 12:00 da mañá no auditorio do CMUS Xan Viaño de Ferrol.




Eiquí tedes o precioso cartel que deseñou Rocío, alumna de María Salas no "CS de Deseño e Produción Editorial" do IES de Leixa de Ferrol.

BENVID@S A TÓDOLOS NENOS E NENAS...

...ó blog Un conto musical: Pedro e o Lobo.

Xa falta pouco para que os nenos e nenas de Ferrolterra poidades disfrutar deste concerto no auditorio José Arriola do Conservatorio de Música Xan Viaño de Ferrol, asistindo cos vosos profesores e profesoras dos vosos colexios.


No concerto as pianistas Lidia Espido e Alexandra Pita Evia interpretarán Pedro e o Lobo de Sergei Prokofiev nunha versión para piano a catro mans. Para narrar o conto, estará con nós Lan Couce, quen, coa súa fermosa voz, conta coma nadie no mundo a historia de Pedro.


Tamén formará parte deste conto Serxio Cobos; un bailarín que fará voar a nosa imaxinación poñéndose na pel de Pedro.

E aínda máis…!O escenario do auditorio do Conservatorio convertirase estes días nun marabilloso bosque de bonitas cores…grazas ás mans de Francisco Rodríguez Cendán na decoración e da escenografía de Luis García Ramos
.